Menú

XUNTANZA DIRECIÓN XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA - COMITÉ INTERCENTROS DE PERSOAL LABORAL DA XUNTA - 12/02/2015

A xuntanza solicitouse dende o Comité Intercentros ante o inmobilismo da Xunta nas cuestións referentes ao persoal laboral, cuestións como o concurso de traslados, a consolidación de emprego, as adscricións temporais, a validez dos certificados médicos e os convenios de reciprocidade entre comunidades autónomas para a posibilidade de traslado entre outras cuestións.

Outra vez constatouse a falta de interese da Xunta para resolver todas as cuestións de calado que afectan ao V Convenio Colectivo, xa que despois de varias horas de xuntanza, na que non estivo o Director Xeral, non se quitou nada en claro.

O interese da Xunta é a modificación das categorías profesionais do V Convenio Colectivo antes de comezar os procesos acordados como son o concurso de traslados horizontal e vertical permanente con resolución semestral, a consolidación de emprego, a estabilización e a funcionarización. Isto restrinxiría o dereito de todo os compañeiros/as laborais da Administración Xeral da Xunta, tanto para os fixos, como para os indefinidos e para os temporais, xa que de darlle trámite ás incorporacións dos compañeiros que veñen da administración paralela, con carácter definitivo,  antes de resolver ditos procesos, tal e como estipula o V Convenio Colectivo e o plan de emprego, incurriríamos en denegar dereitos laborais ao persoal laboral propio a favor do persoal laboral externo.

UGT como central sindical defende esta postura, postura entregada por escrito e rexistro de entrada á Función Pública e postura que dende os órganos de representación, o Comité Intercentros e dende a Comisión Paritaria, de ser o caso, os compañeiros da UGT defenderán. Esperamos que as outras centrais sindicais non naden entre augas con esta cuestión de suma importancia e teñan esta postura de firmeza vital para o futuro do persoal laboral e non estean á espera de ve-lo que poidan pescar na indefinición da súa postura.

É de suma importancia que o persoal laboral da Xunta de Galicia sexa consciente de esta situación, xa que é a de maior calado na historia da representatividade na nosa empresa.

UGT ten claro que non se pode comezar a casa polo tellado, si estamos por unha ordenación, pero esta non pode deixar fora a ninguén, menos aínda ao persoal laboral propio, o persoal que representamos dende o Comité Intercentros, que é o persoal laboral do V Convenio Colectivo e a quen nos debemos, sen esquecer que existen outros colectivos que teñen que ter cabida, pero sempre coa seguridade xurídica necesaria para que ninguén se sinta prexudicado, e para elo a Xunta de Galicia o único que ten que facer é traballar para resolver todas estas situacións pactadas con anterioridade á integración de novos colectivos e non saltarse pautas na resolución definitiva de todo este percorrido para minimiza-la temporalidade e optimiza-los recursos respectando os dereitos de cada un dos diferentes colectivos.

Parece ser que a nosa postura en referencia á defensa dos dereitos laborais acadados con anterioridade a novos pactos que mermarían estes dereitos e os futuros, non lle está a gustar demasiado á Xunta nin a algúns sectores das centrais sindicais que teñen outros intereses que non son os da defensa do persoal laboral propio, e isto confirma que é o camiño correcto na defensa do persoal laboral, do V Convenio Colectivo, e do plan de emprego, xa que no intre en que se acorden novas cuestións ao marxe do amparo dos xa existentes, perderémo-lo pouco ao que poidamos amarrarnos para a defensa dos intereses do persoal laboral propio da Xunta.

Que ninguén nos quite o que tanto nos custou acadar, xa que é o noso futuro dentro da Administración Galega cun mínimo de garantes para a nosa continuidade en dignidade polo servizo público que un día decidimos prestar, reivindica o teu dereito a unha continuidade e un futuro profesional.

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA