Menú

ensino

FeSP-UGT PROPÓN UN CALENDARIO ESCOLAR MÁIS EQUILIBRADO COAS VACACIÓNS DE PRIMAVERA NOS PRIMEIROS DÍAS DE ABRIL

O sector de Ensino da FeSP-UGT de Galicia presentará mañá na Mesa Sectorial Docente unha proposta de calendario escolar máis equilibrado coas vacacións de Primavera nos 10 primeiros días de abril. O sindicato reiterará a necesidade de crear comisións provinciais para tratar sobre as materias afíns, e demandará un concursiño para facilitar a mobilidade voluntaria do persoal docente.
 
Hoxe nun encontro cos medios  de comunicación Delia Irene Martínez, Secretaria xeral de FeSP-UGT Galicia; Gerardo Morano Díaz, Secretario Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia e Paula Carreiro, Secretaria Executiva de FeSP-UGT Galicia denunciaron o “suspenso da Consellería de Educación na materia de dialogo social”.
 
Irene Martínez, secretaria xeral de FeSP-UGT Galicia, apuntou que  “en abril iniciamos unha campaña para a regulación das materias afíns e tamén pedimos unha reunión co conselleiro para presentarlle a nosa proposta de calendario e non tivemos resposta algunha, máis alá da convocatoria habitual da mesa sectorial. É así como a Administración de Ensino entende o diálogo e a negociación”.
 
Gerardo Morano explicou a proposta do calendario que ten como obxectivo prioritario “racionalizar os períodos de traballo de docentes e alumnos, establecendo unhas vacacións fixas nos primeiros días de abril”. Desta forma se desvincularía o calendario escolar das vacacións de Semana Santa que, ao ser variables, poden crear períodos lectivos moi breves ou moi longos”. Esta proposta está baseada en criterios pedagóxicos, xa que permite que haxa uns períodos lectivos máis equilibrados, así como marcar unhas vacacións fixas, polo que será máis sinxelo a conciliación da vida familiar, ao coincidir as vacacións sempre nas mesmas datas. Ademais, Gerardo Morano insistiu na necesidade de que “se abra o debate para acadar un consenso entre todas as partes para racionalizar os períodos de traballo e descanso de alumnos e docentes”.
 
Pola súa banda, Paula Carreiro falou sobre as materias afíns, tema no que UGT ten en marcha unha campaña dende o mes de abril para solicitar a creación dunhas comisións provinciais para revisar os perfís das prazas con materias afíns e o reparto coherente de especialidades para cada praza con perfil afín. FeSP-UGT Ensino presentou ante a Consellería máis de 5.000 sinaturas pedindo esta regulación e a Administración aceptou limitar a dúas as materias afíns que pode incluír cada vacante. “Pero parécemos insuficiente e insistimos na necesidade de crear unhas comisións provinciais, formadas por representantes da administración, dos centros e dos sindicatos, para evitar os desaxustes que existen na actualidade”, manifestou Carreiro.
 
Concursiño para facilitar a mobilidade. Outra das preocupacións do sindicato é a situación na que se atopa o profesorado que leva varios anos esperando o seu primeiro destino definitivo e cambia de centro cada ano coa dificultade que iso supón para a conciliación familiar. Por este motivo, UGT solicitará á Administración unha medida que xa se está utilizando noutras comunidades autónomas como Aragón: “A celebración dun concursiño -previo á celebración do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais- entre profesorado definitivo (que traballa en centros que están a máis de 50 quilómetros do domicilio familiar)  e docentes en expectativa de destino de longa duración (máis de seis anos), que houbera participado no Concurso Xeral de Traslados.
 
 

FeSP-UGT Ensino solicita a regulación das materias afíns co apoio de case 5.000 sinaturas

 
A Federación de Traballadores dos Servizos Públicos da UGT presentou hoxe por rexistro un escrito dirixido ao presidente da Mesa Sectorial Docente solicitando unha reunión para “expoñer á administración educativa a proposta de crear COMISIÓNS PROVINCIAIS para revisar os perfís das prazas con materias afíns e o reparto coherente de especialidades para cada praza con perfil afín”. Esta solicitude vai reforzada con case 5.000 sinaturas  “como mostra do apoio do profesorado galego”.
 
Estas comisións provinciais constarían de dúas reunións; unha en xullo, coincidindo cas vacantes de Educación Primaria e algunha de Secundaria, e outra na primeira semana de setembro para a Etapa da Educación Secundaria. En opinión de UGT, a solución da regulación das materias afíns debería pasar por unha Orde que estipule quen pode impartir cada materia en función da titulación que posúa. 
 
O obxectivo é “garantir calidade educativa ao noso alumnado, un traballo do ámbito para o que se formou o docente e unha rentabilidade de recursos para a administración”, segundo explicou Paula Carreiro, representante do sector de ensino público de FeSP-UGT Ensino.
 
Nestes intres non existe regulación sobre as materias afíns, polo que este sindicato quere destacar o esforzo que está a realizar o profesorado na coherencia de elección das mesmas en base á súa capacitación, fronte a falta de seriedade por parte da Administración.

FeSP-UGT CONFIRMA ANTE A CONSELLERÍA A SÚA ADHESIÓN Á FOLGA XERAL NO SECTOR DO ENSINO DO 9 DE MARZO

A Federación de Traballadores dos Servizos Públicos da UGT confirmou hoxe, xunto a CCOO-Ensino e o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG), a súa adhesión á folga xeral estatal do 9 de marzo no sector do ensino por medio dun escrito presentado no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
 
FesP-UGT participará na folga xeral no ámbito do ensino porque non pode consentir que se exclúa das negociacións para acadar unha nova lei educativa ás organizacións sociais representativas dos distintos sectores da comunidade educativa: “Esiximos un amplo consenso tanto político como social para acadar unha nova lei educativa“.
 
UGT  insiste en que “o retraso nos orzamentos do Estado, así como o escaso incremento das partidas dedicadas a educación no proxecto de orzamentos galegos impiden a reversión dos recortes en educación non garantindo a igualdade de oportunidades e profundando na desigualdade“.
 

FeSP-UGT DENUNCIA UNHA OFERTA DE EMPREGO PARA ENSINO “INSEGURA, SEN NEGOCIACIÓN E ESCASA”

A Federación de Traballadores dos Servizos Públicos da UGT considera que a oferta do proceso de Oposicións anunciado hoxe pola Consellería de Educación na xuntanza da Mesa Sectorial é “insegura, sen negociación e escasa”.
 
UGT recorda que “a Consellería oferta un proceso de Oposicións que non garante que se vaia poder celebrar” dado que están á espera da aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado ou dun Decreto do Ministerio que autorice a celebración das mesmas. “Miles de docentes están á espera dunha convocatoria coa incerteza da posible celebración”.
 
Por outra banda, a pesar de que hai uns días se anunciou que se ía negociar cos representantes legais do profesorado, “a oferta de prazas non foi negociada cos sindicatos, simplemente se limitaron a informar dun número de prazas en determinados corpos e especialidades, sen ter en conta as nosas opinións”.
 
Desta forma, UGT non pode entender que non se convocaran prazas por acceso libre para Conservatorios de Música ou o que sucede en Educación Infantil, onde hai moi poucas prazas para a demanda existente.
 

A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia estuda a convocatoria de folga no sector educativo para o 9 de marzo

 
As organizacións que conforman a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia: CONFAPA, SE, IESGA, CCOO-Ensino, FeSP-UGT e Escola Viva reunímonos para valorar a proposta da Plataforma Estatal por la Escuela Pública da posibilidade de convocatoria dunha folga xeral no sector educativo o 9 de marzo.
No enlace tedes o comunicado

Página 1 de 4

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA