Menú

FeSP-UGT PROPÓN UN CALENDARIO ESCOLAR MÁIS EQUILIBRADO COAS VACACIÓNS DE PRIMAVERA NOS PRIMEIROS DÍAS DE ABRIL

O sector de Ensino da FeSP-UGT de Galicia presentará mañá na Mesa Sectorial Docente unha proposta de calendario escolar máis equilibrado coas vacacións de Primavera nos 10 primeiros días de abril. O sindicato reiterará a necesidade de crear comisións provinciais para tratar sobre as materias afíns, e demandará un concursiño para facilitar a mobilidade voluntaria do persoal docente.
 
Hoxe nun encontro cos medios  de comunicación Delia Irene Martínez, Secretaria xeral de FeSP-UGT Galicia; Gerardo Morano Díaz, Secretario Sector de Ensino de FeSP-UGT Galicia e Paula Carreiro, Secretaria Executiva de FeSP-UGT Galicia denunciaron o “suspenso da Consellería de Educación na materia de dialogo social”.
 
Irene Martínez, secretaria xeral de FeSP-UGT Galicia, apuntou que  “en abril iniciamos unha campaña para a regulación das materias afíns e tamén pedimos unha reunión co conselleiro para presentarlle a nosa proposta de calendario e non tivemos resposta algunha, máis alá da convocatoria habitual da mesa sectorial. É así como a Administración de Ensino entende o diálogo e a negociación”.
 
Gerardo Morano explicou a proposta do calendario que ten como obxectivo prioritario “racionalizar os períodos de traballo de docentes e alumnos, establecendo unhas vacacións fixas nos primeiros días de abril”. Desta forma se desvincularía o calendario escolar das vacacións de Semana Santa que, ao ser variables, poden crear períodos lectivos moi breves ou moi longos”. Esta proposta está baseada en criterios pedagóxicos, xa que permite que haxa uns períodos lectivos máis equilibrados, así como marcar unhas vacacións fixas, polo que será máis sinxelo a conciliación da vida familiar, ao coincidir as vacacións sempre nas mesmas datas. Ademais, Gerardo Morano insistiu na necesidade de que “se abra o debate para acadar un consenso entre todas as partes para racionalizar os períodos de traballo e descanso de alumnos e docentes”.
 
Pola súa banda, Paula Carreiro falou sobre as materias afíns, tema no que UGT ten en marcha unha campaña dende o mes de abril para solicitar a creación dunhas comisións provinciais para revisar os perfís das prazas con materias afíns e o reparto coherente de especialidades para cada praza con perfil afín. FeSP-UGT Ensino presentou ante a Consellería máis de 5.000 sinaturas pedindo esta regulación e a Administración aceptou limitar a dúas as materias afíns que pode incluír cada vacante. “Pero parécemos insuficiente e insistimos na necesidade de crear unhas comisións provinciais, formadas por representantes da administración, dos centros e dos sindicatos, para evitar os desaxustes que existen na actualidade”, manifestou Carreiro.
 
Concursiño para facilitar a mobilidade. Outra das preocupacións do sindicato é a situación na que se atopa o profesorado que leva varios anos esperando o seu primeiro destino definitivo e cambia de centro cada ano coa dificultade que iso supón para a conciliación familiar. Por este motivo, UGT solicitará á Administración unha medida que xa se está utilizando noutras comunidades autónomas como Aragón: “A celebración dun concursiño -previo á celebración do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais- entre profesorado definitivo (que traballa en centros que están a máis de 50 quilómetros do domicilio familiar)  e docentes en expectativa de destino de longa duración (máis de seis anos), que houbera participado no Concurso Xeral de Traslados.
 
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA