Menú

FeSP-UGT pide á Consellería que conte coas organizacións sindicais para facer fronte a esta crise sanitaria

 
FeSP-UGT participou onte, xunto as demais organizacións que conforman a Mesa Sectorial de Educación, nunha reunión co titular da Consellería de Educación, Román Rodríguez,   para tratar sobre a evolución do curso escolar neste primeiro mes de clases. Neste encontro as organizacións sindicais tiveron a oportunidade de expoñerlle, de primeira man, ao conselleiro as inquedanzas e reclamacións do conxunto dos traballadores do ensino. 
 
UGT, tras escoitar ao conselleiro, non pode evitar amosar a súa preocupación xa que “se ben o Sr. Conselleiro na súa intervención centrouse a detallarnos polo miúdo a axenda de accións que levou a cabo o seu departamento en solitario ou conxuntamente coa Consellería de Sanidade, non é menos certo que todas esas accións tomadas, todas esas decisións levadas a cabo, non chegaron ó conxunto do profesorado (e supoñemos tamén ó conxunto da cidadanía). Nunha situación como a que estamos a vivir é máis necesario ser claros e transparentes. Publicar os datos, os protocolos, as medidas tomadas é fundamental no contexto actual”. Dende esta organización sindical demandamos que a Consellería conte co conxunto das organizacións sindicais para atallar esta crise do xeito máis satisfactorio posible. Estamos seguros que o conxunto das organizacións sindicais estaremos á altura do que o conxunto da sociedade nos demanda.
 
FeSP-UGT é consciente da situación que estamos a vivir, das responsabilidades que cadaquén debe asumir e por iso acudimos á reunión con propostas a ter en conta no futuro inmediato:
 
Consideremos clave evitar as contradicións entre o establecido entre a Consellería de Educación e a Consellería de Sanidade. Toda a información relacionada co COVID 19 no Ensino debe presentarse claramente no portal institucional da Consellería. Debe indicarse que persoas son as destinatarias, cales son as instrucións concretas… 
 
Ademais, demandamos que se faga un estudio sobre os sistemas complementarios que poden existir sobre a adecuada ventilación das aulas (véxase filtros HEPA ou demais posibilidades existentes). Debemos evitar que de non enfermar de COVID 19 tampouco se enferme por outro tipo de enfermidade. E solicitamos material de amplificación de son (micrófonos con altofalantes portátil), material informático para os centros e equipos de protección individual para o profesorado e para os demais traballadores.  En canto á dotación de persoal sanitario ós centros, esta organización sindical é moi consciente da situación crítica que estamos a vivir, polo que demandamos que a administración reforce ós centros de saúde de atención primaria que son os que neste momento están a dar a cobertura ós centros educativos. Outra das nosas preocupacións é que se avalíe ao persoal especialmente sensible e dende a Consellería confirmáronnos que hai 600 solicitudes de avaliación de posto de traballo. 
 
Congratulámonos de que se concretara na propia reunión que se aprobou un incremento das partidas orzamentarias para os centros educativos para enfrontarse á situación de PANDEMIA, xa que era algo que levábamos nas nosas reivindicacións. O conselleiro tamén anunciou a  contratación de 77 traballadores de persoal de limpeza para reforzar os institutos e pola nosa parte indicámoslle que en algúns centros de Primeira non se reforzou este servizo.
 
O conselleiro de Educación neste encontro presentou o PLAN DE ENSINO VIRTUAL EN SITUACIÓN COVID. Sen entrar a valorar o plan no seu conxunto, “temos as nosas dúbidas de que as aulas de todos os centros de Galicia estean preparadas para o que pretende o conselleiro”.
 
Por último, sinalar que a Xunta anunciou que o profesorado do Ensino non deixará de percibir o último tramo do ACORDO RETRIBUTIVO asinado por FeSP-UGT, o que vai supoñer que o conxunto dos docentes incrementarán a nómina no mes de xaneiro os 30 euros do acordo de Galicia máis o 0.9% Estatal.
 
 
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA