Menú

UGT, CCOO e CSIF convocan medio centenar de manifestacións en toda España a partir do 21 de maio, na función pública

Os sindicatos máis representativos da Función Pública (CCOO, UGT e CSIF) convocaron medio centenar de manifestacións en cidades de toda España, desde o 21 de maio, ata o 21 de xuño, nas que os empregados públicos da Administración Xeral do Estado (AGE) reclamarán melloras nas súas condicións laborais e retributivas.
 
A Administración Xeral do Estado foi castigada de maneira especial durante os últimos anos polo Goberno para cumprir os parámetros de contención do gasto, tanto na reposición de efectivos como nas condicións retributivas do persoal e polos recortes efectuados coa escusa da crise.
 
Por iso, os sindicatos reclaman un salario mínimo de 1.200 euros e homologar as condicións retributivas do persoal laboral e o persoal funcionario. Para logralo, propoñen unha incremento lineal de 200 euros e unha dotación orzamentaria de 100 euros por efectivo para o establecemento da carreira profesional.
 
Ademais, CSIF, CCOO e UGT reclaman o desenvolvemento do II Acordo para a mellora do emprego público, asinado o pasado do 9 de marzo, coa apertura dos ámbitos de negociación establecidos no pacto para lograr avanzar en tres eixos: emprego, dereitos (restablecemento do 100 % das retribucións en situación de incapacidade temporal e a recuperación do carácter máximo da xornada de 37,5 horas) e salario. Os sindicatos tamén reclaman o desenvolvemento e aplicación da xubilación parcial no ámbito da AGE.
 
Os sindicatos esixen tamén o desbloqueo do IV Convenio Único do persoal laboral, que leva máis de dous anos sen avances significativos, e o desenvolvemento do Estatuto Básico do Empregado Público, establecendo, entre outras cuestións, o dereito á carreira profesional ou a adaptación da clasificación profesional ao actual sistema de titulacións.
 
O secretario de acción sindical de CSIF, Francisco  Camarillo, sinalou que os empregados públicos da Administración do Estado pagaron os pratos rotos da crise económica. “Ao depender directamente do Goberno, tratáronnos como ‘ peleles’ para que Rajoy e Montoro puidesen sacar peito en Bruxelas polas políticas de axuste e hoxe hai miles de empregados públicos que non chegan aos 1.000 euros, en contra do que sempre se dixo dos nosos supostos privilexios”, subliñou.
 
Durante a súa intervención, José Manuel Beira, secretario xeral de CCOO no sector de AGE, sinalou que é urxente recuperar emprego público para que se poidan prestar os servizos públicos imprescindibles para as cidadás e os cidadáns. “Nestes anos perdéronse 30.000 empregos na Administración Xeral do Estado” lembra Beira, quen tamén expón “unha subida lineal de 200 euros para recuperar o 14% do poder adquisitivo que perdemos os traballadores da Administración”.
 
Carlos Álvarez, secretario de AGE da  FeSP-UGT, foi tallante, ao declarar que todo ten un límite e o noso xa chegou. “Agora, cando a economía crece, non imos permitir que se exclúa aos empregados públicos. É o momento, temos que recuperar dereitos, xa nos toca. É urxente que se eliminen os descontos cando estamos enfermos”. “A brecha salarial na AGE debe acabar –engadiu o responsable de UGT- por iso, reivindicamos a homologación salarial  de laborais e funcionarios”.

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA