Menú

Mobilizacións o día 2 nas cidades e vilas galegas para demandar condicións de vida dignas para as persoas maiores

 
Con motivo do Día Internacional das Persoas Maiores, CCOO e UGT convocan concentracións en todo o Estado, que en Galicia terán lugar o martes, día 2 de outubro. Con esta acción, ambos os dous sindicatos denuncian que as medidas adoptadas para combater a crise só serviron para empobrecer a amplos sectores da poboación, especialmente as persoas de máis idade.
 
UGT e CCOO lembran que o colectivo de persoas maiores é «moi vulnerable» a políticas de recortes, e máis cando progresivamente se converten no principal sostén das seguintes xeracións. Hoxe en día, as pensións supoñen a principal fonte de ingresos da cuarta parte dos fogares.
 
Malia que a revalorización das pensións vén recollida no artigo 50 da Constitución como un principio reitor da política económica, o certo é que a única fórmula de revalorización automática que garantía por lei o mantemento do poder adquisitivo das pensións foia nacida do Acordo de Pensións de 1996, ligada daquela á inflación,e que estivo vixente ata a reforma unilateral imposta polo Goberno do PP en 2013. CCOO e UGT defenden o marco de negociación establecido no Pacto de Toledo e esixen que as pensións se revaloricen co IPC.
 
Defensa da Lei de Dependencia
 
Para o colectivo de pensionistas e xubilados de CCOO e de UGT, a defensa do sistema para a autonomía e atención á dependencia (SAAD) é outra das prioridades. Transcorridos dez anos desde a posta en marcha da Lei de dependencia, aínda non culminou a súa completa implantación.Unha causa fundamental deste atraso radica no aínda insuficiente nivel de financiamento público que arrastra para terminar coa listaxe de espera.
 
A situación da sanidade é outra preocupación para as persoas pensionistas. UGT e CCOO reclaman a fin dos recortes aplicados en materia sanitaria e a fin do copagamento, xa que provocan a exclusión de colectivos do sistema e minoran aínda máis o poder adquisitivo das persoas maiores. Ambos os dous sindicatos afirman que cunha axeitada política fiscal habería «recursos abondos para o bo funcionamento dos servizos públicos», incluíndo o sanitario.
 
Por último, CCOO e UGT esixen medidas eficaces contra a pobreza enerxética, «co establecemento dun auténtico bono social» e un tipo súper reducido do IVE para todos os bens e servizos vinculados á alimentación e á enerxía.
 
Concentracións conxuntas de UGT e CCOO o día 2 de outubro
 
— A Coruña: ás 12 horas no Obelisco
 
— Ferrol: ás 12 horas fronte ao edificio da Xunta (praza de España)
 
— Santiago de Compostela: ás 12 horas na praza do Toural
 
— Lugo: ás 12:30 horas diante da Subdelegación do Goberno
 
— Viveiro: ás 12 horas na praza Maior
 
— Ourense: ás 11:30 horas diante do edificio do INSS
 
— Pontevedra: ás 12 horas diante da Subdelegación do Goberno
 
— Vigo: ás 12 horas na Porta do Sol​

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA