Menú

FeSP-UGT apoia as reivindicacións dos profesores de historia e insta á CIUG a revisar o modelo de examen e os contidos das ABAU para este curso

Despois de que a Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) dese a coñecer recentemente a ampliación dos contidos da materia de Historia de España para as probas de acceso á universidade para este curso, FeSP-UGT Ensino quere amosar o seu apoio ás reivindicacións dos profesores de xeografía e historia que solicitan o mantemento do modelo de exame e contidos avaliables do curso pasado, así como abrir un proceso de diálogo entre a CIUG e a  comunidade educativa para tratar sobre este asunto. 
 
Tras consultar con varios docentes especialistas na materia,  entendemos que a ampliación de tres bloques de contidos así como de numerosos conceptos de vocabulario non ten en conta as particularidades da materia na nosa comunidade autónoma. 
 
En primeiro lugar, querer examinar da totalidade dos contidos curriculares non é o disposto na LOMCE, xa que esta lei tan só esixe que como mínimo as probas ABAU avalíen polo menos o 70% dos estándares de aprendizaxe da materia,  porcentaxe que se cumpre cos contidos referidos aos séculos XVIII, XIX e XX. 
 
Por outra parte, querer avaliar ao alumnado da totalidade dos contidos curriculares non ten sentido cando esta materia so dispón de 3 horas semanais (un 25% menos que noutras comunidades que se puxeron como exemplo no seu día para xustificar os cambios), o que significa dispor unicamente  de dúas sesións por cada tema, o que, obviamente,  impide que  se aborden cun mínimo de rigor pedagóxico todos os contidos a avaliar nas ABAU. 
 
Entendemos que as modificacións que pretende introducir a CIUG este curso non se axustan a realidade educativa da materia e so contribúen a incrementar nerviosismo nun alumnado que se xoga o seu futuro universitario en poucos días.
 
Por todo isto, UGT quere manifestar o seu apoio aos docentes de historia e solicita á CIUG o mantemento do modelo de exame e contidos avaliables do curso pasado e que se inicie un proceso de diálogo entre a CIUG e a  comunidade educativa. 
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA