Menú

FESP-UGT DEMANDA COLABORACIÓN ENTRE EMPRESA, XUNTA E TRABALLADORES Á HORA DE ABORDAR AS OBRAS NO EDIFICIO XUDICIAL DE SANTIAGO

O responsable de Xustiza de FeSP-UGT-Galicia, Manuel González, compareceu hoxe ante os medios de comunicación en Santiago para explicar as obras que se van facer no edificio xudicial da rúa Viena, en Santiago, e, ao respecto, pediu que se abra xa unha canle de comunicación e coordinación entre a empresa que vai acometer a obra, a Xunta e os traballadores, e que, neste contexto, se nomee un coordinador en materia de prevención de riscos por parte da Administración e outro por parte da empresa.
 
González explicou que esta situación remóntase a setembro de 2017 cando UGT denunciou ante a Inspección de Traballo o exceso de calor que se rexistraba no devandito edificio. Ante esta denuncia, a Inspección concluíu que non se estaba a cumprir a Lei de Prevención de Riscos Laborais e obrigou á Xunta a arranxar a situación.
 
A continuación, a Xunta licita a obra que abarca o cambio de caldeira de gasóleo a biomasa, a climatización das plantas
terceira e cuarta e un cambio no sistema de luces cara outro enerxéticamente máis sostible. 
 
Manuel González aclara que UGT coñece toda esta información, sobre a licitación, a través do portal de contratacións da Xunta. Polo que, mediante un escrito, pide á Administración galega que abra unha liña da diálogo e información, para garantir a transparencia no proceso, entre a Xunta, a empresa licitadora e os sindicatos con representación no sector. Basicamente, para evitar que as obras, como xa se fixeron noutros edificios xudiciais, se fagan poñendo en risco a integridade e saúde tanto dos traballadores como dos usuarios.
 
Por isto, o primeiro que se esixe dende UGT é que todas as obras se fagan pola tarde, que se garanta a adopción de todas as medidas de seguridade e prevención que establece a lexislación e que se fagan servizos de limpeza extraordinarios que permitan un normal funcionamento dos xulgados durante as mañás. Todo isto, a xuízo do Sindicato, esixe dunha coordinación entre as partes implicadas, Xunta, empresa e representación dos traballadores.
 
Dende FeSP-UGT aclárase que xa se lle remitiron sendos escritos con esta petición á Xunta, para que abra unha mesa de coordinación, a aínda non se obtivo resposta ao respecto.
 
UGT insta ao Concello de Santiago a que escoite e atenda as necesidades de aparcadoiro nas proximidades dos edificios xudiciais de Fontiñas. Outro dos temas que se tratou na rolda de prensa, foi a carencia de aparcadoiros na contorna dos edificios xudiciais tanto da rúa Viena como da rúa Berlín.
 
Neste punto foi Manuel Díaz Mato, o representante de UGT-Xustiza en Santiago, o que explicou que entre ambos edificios traballan preto de 300 persoas, a isto hai que sumarlle os usuarios e os profesionais que a diario acoden aos xulgados.
Lembrou que nesta zona tamén se aglutinan outros edificios administrativos, como a EGAP, ou o centro de saúde. Polo que a tarefa de aparcar faise a diario imposible.
 
UGT xa se dirixiu ao Concello, mediante un escrito para pedir que se abra unha canle de diálogo sobre este problema, recibindo como única resposta por parte da Administración local que se fagan acordos con aparcadoiros privados.
Ao sindicato non lle parece esta unha resposta lóxica por parte da Administración local de Santiago, sobre todo, cando dende UGT si hai unha batería de propostas para ampliar as prazas de aparcadoiro na área que beneficiaría a todos.
 
Por todo isto, UGT insta ao Concello a que non se peche nas súas posturas e escoite as propostas que se lle queren achegar para solucionar este problema que se vive a diario nos edificios xudiciais de Fontiñas. Como mostra, Manuel Díaz, amosou na rolda de prensa, mediante un dossier fotográfico, como están aparcados os coches a diario nas beirarrúas, incluso os da Policía Local e a Garda Civil. 
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA