Menú

FeSP-UGT, no inicio do curso escolar, insta á Consellería de Educación a que restitúa os dereitos perdidos do profesorado galego

FeSP-UGT, no inicio do curso escolar, insta á conselleira de Educación a que restitúa os dereitos perdidos do profesorado galego.
 
Hoxe tivo lugar a rolda de prensa de valoración da apertura do curso 2019/20. No acto informativo estiveron presentes Paula Carreiro, secretaria do sector de Ensino de FeSP-UGT e os representantes dos sectores de Ensino Público, Iago Calderón; Ensino Privado, José Antonio Míguez; e da Universidade, Benjamín Rey.
 
Paula Carreiro explicou que “ano tras ano as reivindicacións son as mesmas o cal é lamentable, xa que iso significa que á consellería lles importa pouco as nosas necesidades. Unha vez máis, os orzamentos son insuficientes, hai supresión de unidades tanto en pública como en concertada, solicitamos a recuperación do poder adquisitivo, a recuperación da paga de antigüidade en ensino concertado; e no ensino universitario coa incógnita dun plan de financiación por negociar, xa que o actual remata no 2020”.
 
Desta forma, a secretaria do sector de Ensino de FeSP-UGT suliñou que os orzamentos previstos en Educación son insuficientes, xa que o incremento que se realizou este ano foi para o acondicionamento e mellora dalgúns centros públicos. “Son unhas obras que levan moitos anos pendentes e que encima se realizaron tarde, de forma que iniciaremos as clases con problemas para o profesorado e o alumnado, con conseguinte perigo que ten para os cativos”.
 
Paula Carreiro tamén se referiu á supresión de unidades tanto en centros públicos como en  privados, “e neste último caso significa a perda de postos de traballo, algo que se podería solucionar cun acordo de recolocación”.
 
Con respecto ao Acordo de Mellora do Emprego Público, asinado entre goberno e sindicatos para reducir a temporalidade, Carreiro explicou que “este curso creáronse prazas novas pero son insuficientes para recuperar os máis de 3.000 postos de traballo que se perderon no ensino público nos últimos anos; polo que a FeSP-UGT seguirá reclamando unha xenerosa oferta de emprego público para este curso nas vindeiras mesas de negociación”.
 
Por outra banda, FeSP-UGT quere denunciar, novamente, a gran cantidade de prazas desertas: Un 7.89% das prazas convocadas nas oposicións deste ano quedaron sen cubrir, fundamentalmente as de promoción interna e certas especialidades de Secundaria, de Mestres de francés e de FP. Desta porcentaxe temos que descontar as prazas de promoción interna, un total dun 3% das prazas de ingreso á función pública non foron cubertas e o destacable é que non foi porque non houbera aspirantes. Esta organización esixe á consellería que faga unha boa xestión do vindeiro proceso selectivo para evitar que se reitere esta situación e outras disfuncións como os exames mal redactados ou espazos non adecuados para levar a cabo o proceso selectivo.
 
SOLICITUDE DE XUNTANZA COA CONSELLEIRA PARA FALAR DO ENSINO PRIVADO-CONCERTADO
 
O responsable do Ensino Concertado, José Antonio Míguez, manifestou que o pasado26 de xullo, con unidade sindical, “solicitamos formalmente unha xuntanza coa conselleira para comezo de setembro, e confiábamos en ter esta reunión, tal e como se comprometera, pero remitiunos ao Director Xeral de Centros, o que xa sabemos que significa: Non a todo o que propoñemos”. Dende este sindicato queremos recordarlle á conselleira que a concertada significa máis do 40% do sector do ensino. Dende concertada se insiste na necesidade de recuperar a paga de antigüidade (é a única comunidade onde non se paga), de negociar un novo acordo de mantemento de emprego, como xa se fixo noutras comunidades ou da xubilación parcial.
 
 
RECUPERACIÓN DO PODER ADQUISITIVO
 
Coa sinatura do acordo estatal de marzo máis o posterior coa consellería, recuperouse parte do poder adquisitivo perdido como consecuencia dos recortes realizados nos salarios dos docentes galegos: “ Dende FeSP-UGT queremos pedirlle á conselleira que se sente con nos en decembro para seguir traballando nesta recuperación do poder adquisitivo en Galicia”.
 
Ademais, Paula Carreiro insistiu en que “gustaríamos restablecer o diálogo coa conselleira, para falar sobre a redución de horas lectivas, que non é unha redución do horario laboral, e do ratio do alumnado por clase”. E tamén se referiu ao feito de que mañá 1.000 mestres coñecerán o seu destino, para comezar a impartir a docencia o día 16, o cal os deixan nunha situación moi complexa para poder organizalo todo en tan pouco espazo de tempo.
 
O ENSINO UNIVERSITARIO EN CRISE
 
No sector de Universidade o próximo curso preséntase coma o final ou o principio do anterior: coa incógnita dun plan de financiación por negociar e unhas eleccións no medio que van condicionar dito evento.
 
Benjamín Rey, explicou que “temos pendente o recoñecemento da Xunta de Galicia da figura do Profesorado Universitario (o Colaborador, que é unha figura docente indefinida e derivada da aplicación da LOU e do propio Decreto da Xunta do 2002 de profesorado) que a Xunta de Galicia se nega a recoñecer como tal e permitirlle poder optar aos complementos da mesma”.
 
Incidindo neste punto queremos resaltar outro aspecto no que á Xunta se lle enche a boca ao falar: do que inviste en persoal de investigación.  Pero á hora da verdade o que fai é que as Universidades se hipotequen cada vez máis. A Xunta paga os tres primeiros anos do investigador que se contrata por algún dos seus programas, pero as Universidades teñen que incluílo nunha plantilla que non pode crecer  a súa masa salarial, e pagalo os 35 anos seguintes.
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA