Menú

As OOSS da Mesa Sectorial de Educación reuniranse coa conselleira a vindeira semana para abordar o tema do horario lectivo

 
As OOSS da Mesa Sectorial de Educación reuniranse coa conselleira Carmen Pomar a vindeira semana para abordar o tema do horario lectivo. Finalmente ese foi o acordo despois de que os representantes sindicais se concentraran esta mañá na consellaría para esixir canto antes unha reunión coa máxima responsable deste departamento.
 
Foi unha longa mañá de contactos na consellaría. Despois de que o secretario xeral técnico e o director xeral de Centros e RRHH propuxeran unha reunión da conselleira con cada organización sindical por separado a próxima semana, á que nos opuxemos, finalmente accederon a unha única reunión.
 
Hai que recordar que a primeira hora da mañá representantes das catro organizacións sindicais con presenza na Mesa Sectorial de Educación, CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP-UGT, pecháronse fronte ao despacho da conselleira de Educación, despois de non recibir resposta á petición incluída na carta conxunta que lle foi remitida o pasado 11 de outubro. Na misiva solicitábase a apertura dunha negociación para recuperar o horario lectivo recortado por Feijóo con anterioridade ao RD 14/2012, que vén de ser derrogado polo goberno do Estado. En concreto, demandábase a volta aos 18 períodos lectivos máximos en Secundaria e aos 21 en Primaria, un dereito que xa recuperaron nestes intres outras 7 comunidades autónomas.
 
Despois dunha estratexia por parte do equipo da conselleira de crear división e intentar gañar tempo, propoñendo unha reunión con cada unha das catro organizacións por separado para a semana que vén, finalmente accederon a convocar un único encontro. A data confirmarana esta mesma tarde. O que non é de recibo é que se a escusa inicial para non recibirnos era non ter oco na axenda despois si tivera tempo para catro reunións.
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA