Menú

A consellería de Educación impide ás organizacións sindicais facer declaracións aos medios de comunicación nas súas instalacións

O Sector de Ensino de FeSP-UGT, xunto ao resto das organizacións sindicais (CIG-ENSINO, CCOO-ENSINO, ANPE, STEG e CSIF) fixeron entrega hoxe no rexistro xeral da Xunta de Galicia dun escrito dirixido ao presidente en funcións Alberto Núñez Feijóo no que solicitaban, unha vez máis, e ante a falta de respostas da Consellería de Educación, “a recuperación dos dereitos e a mellora das condicións de traballo, comezando polo retorno ao horario lectivo que tiñamos ata 2011 no corpo de mestres e 2012 nos demais corpos docentes”. E cal foi a nosa sorpresa, cando a Policía, por orde da consellería, nos impediu facer declaracións aos medios de comunicación alí presentes.
 
Dende FeSP-UGT queremos manifestar o noso malestar ante o que consideramos unha medida inxustificada que pretende “coartar o dereito á información da sociedade. Ademais, estas declaracións ían facerse nunha instalación pública, ante medios de comunicación perfectamente acreditados e sen que afectase a ninguén máis, polo seu dereito á protección da súa imaxe”.
 
Xa hai uns meses, o 18 de novembro, houbo un incidente na consellería de Educación, cando a Policía expulsou aos representantes de todas as organizacións sindicais, cando pretendían trasladarlle á máxima responsable Carmen Pomar a necesidade de manter unha reunión para tratar sobre os problemas que afectan aos docentes do Ensino Concertado.
 
No día de hoxe, as organizacións sindicais solicitaban a mediación do presidente da Xunta para solicitar os problemas do profesorado galego, ante a falta de resposta por parte da Consellería. Así, en ambos casos, ante a petición de diálogo por parte das organizacións sindicais esta é a resposta que nos atopamos. 
 
 

 

SÍGUENOS EN FACEBOOK


ÚLTIMOS TWEETS

      

      

IR ARRIBA