I Plan de Igualdade no SERGAS

I Plan de Igualdade no SERGAS
0
0
0
s2smodern

 

 

ORDE do 6 de outubro de 2021 pola que se publica o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024) pactado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario.

 

A Consellería de Sanidade expresou o seu firme compromiso cos valores, principios e normas sobre a liberdade e igualdade de xénero, e rexeita calquera tipo de discriminación en contra das mulleres e das persoas máis vulnerables, particularmente no que respecta ás mulleres que traballan no Servizo Galego de Saúde e nas entidades sanitarias adscritas, e que constitúen o colectivo maioritario do seu persoal.

 

Como manifestación deste compromiso, o 13 de xullo de 2021 pactouse na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CC.OO., CSI-F, SATSE e UGT, o I Plan de igualdade entre mulleres e homes no Servizo Galego de Saúde (2021-2024).

 

O dito plan é o resultado dun intenso traballo participativo entre a Administración e as ditas organizacións sindicais, iniciado no ano 2019 coa constitución da Comisión Técnica de Igualdade do Servizo Galego de Saúde, ao abeiro do disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

 

Tras un complexo traballo de elaboración, ao cal se sumaron as xerencias das sete áreas sanitarias e o propio persoal das institucións sanitarias coas súas achegas, e os conseguintes análise e debate, a dita comisión consensuou o Plan de igualdade na súa reunión do 2 de xuño de 2021. O plan foi elevado á Mesa sectorial para a súa ratificación e aprobación, as cales tiveron lugar, como xa se expuxo, na reunión da Mesa do 13 de xullo deste mesmo ano.

 

Como consta explicitamente no propio Plan de igualdade, os seus obxectivos xerais son os seguintes.

• Promover a igualdade de xénero na organización para acadar a igualdade real no trato e de oportunidades entre mulleres e homes.

• Diminuír desigualdades e desequilibrios que, mesmo sendo de orixe cultural e social, poidan producirse.

• Formar, informar e sensibilizar sobre igualdade de trato e oportunidades, e sobre as necesidades específicas das mulleres e os homes.

• Vixiar de forma especial a discriminación indirecta, entendendo por esta a situación en que unha disposición, criterio ou práctica, aparentemente neutro, pon unha persoa dun sexo en desvantaxe fronte a persoas do outro sexo.

 

Por outra parte, as moitas medidas previstas no plan atenden a seis grandes eixes de actuación: acceso ao emprego público e provisión de prazas; condicións de traballo e promoción profesional; formación, información e sensibilización; tempo de traballo, corresponsabilidade e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; atención a situacións de especial protección e medidas transversais para integrar o principio de igualdade na organización.

 

En definitiva, o plan constitúe un fito co que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes se sitúa, pola vontade da Administración sanitaria e os representantes do persoal, como un principio básico e transversal de actuación da sanidade pública galega.

 

                                                                                               ACCEDE

volver arriba

Coñecenos

Sectores

Servizos

Areas

Siguenos

Utilizamos cookies propias y de terceros para nuestros servicios, analizar sus hábitos de navegación, elaborar información estadística e inferir grupos de interés. Además compartimos los análisis de navegación y los grupos de interés con terceros. Al clicar en "Aceptar" o SI CONTINÚA NAVEGANDO, ACEPTA SU USO. También puede CONFIGURAR O RECHAZAR la instalación de cookies  “Cambiando la configuración de su navegador".